Bota a andar ‘100xCiencia.5’, espazo de reflexión na procura de respostas para os retos científicos e sociais

Bota a andar ‘100xCiencia.5’, espazo de reflexión na procura de respostas para os retos científicos e sociais
Bota a andar ‘100xCiencia.5’, espazo de reflexión na procura de respostas para os retos científicos e sociais

O IGFAE actúa como anfitrión en Compostela dende este venres e ata o sábado 27 do encontro científico da alianza SOMMa, rede de Centros Severo Ochoa–Unidades María de Maeztu

O encontro científico da alianza SOMMa, a rede de Centros Severo Ochoa–Unidades María de Maeztu, ‘100xCiencia.5: International dimension of science’ botou a andar este venres na Cidade da Cultura. Trátase dun foro onde persoal investigador e directivo dos 57 centros españois con esta certificación de excelencia comparten con xornalistas e comunicadores especializados, un espazo para reflexionar xuntos sobre a necesidade da cooperación internacional para o progreso científico e social da humanidade no século XXI. O Instituto Galego de Física de Altas Enerxías (IGFAE), centro mixto da USC  e a Xunta de Galicia —único con esta distinción na comunidade galega—, exerce de anfitrión na quinta edición da serie 100xCiencia. O congreso pode seguirse en directo a través da canle de Youtube do IGFAE.

O reitor Antonio López agradeceu ao IGFAE e moi especialmente ao seu director Carlos Salgado, encargado de conducir o acto de apertura, a organización deste foro xa que “en épocas de pandemia as incertezas multiplícanse”, dixo o reitor na sesión inaugural. Antonio López centrou a súa intervención na relevancia da investigación e da transferencia como peza chave para “mellorar as condicións de vida da cidadanía”. Neste senso, o reitor da USC puxo o foco no eido do financiamento e nas dificultades que entraña unha investigación dependente de subvencións ou outras fórmulas similares xa que “así non se pode artellar unha carreira investigadora”.

Pola súa parte, o conselleiro de Cultura, Educación e Universidade, Román Rodríguez, dirixiuse aos e ás asistentes para definilos como “referentes da investigación”. “Tedes liderado e impacto”, subliñou o conselleiro. Finalmente, María Blasco, presidenta da alianza SOMMa, centrou a súa intervención en que a ciencia é global e, polo tanto, constitúe a peza chave para “resolver crises globais”, tal e como se puxo de manifesto no marco da pandemia pola COVID-19. Fabiola Gianotti, directora xeral do CERN, abriu a primeira sesión do congreso por videoconferencia.

Solucións globais

100xCiencia.5 inclúe un programa composto de catro sesións temáticas —Cosmos, Covid, Crise Climática e Cultura Científica— que pretenden poñer de manifesto a importancia de dotarse de grandes infraestruturas internacionais, tanto físicas como de comunicación ou cooperación, para dar resposta a retos científicos e sociais de tal envergadura que só estas solucións globais aparecen como viables. Neste foro que se estenderá ata o sábado 27, tomarán parte algúns dos máis recoñecidos comunicadores/as científicos/as como Patricia Fernández de Lis (Materia/El País), Rafael Vilasanjuan, Eduardo Sáenz de Cabezón e Gema Revuelta.

Comentarios
Lo más