A USC abre as rúas 'Jimena e Elisa Fernández de la Vega' como primeiro paso no proxecto da Cidade da Saúde

A USC abre as rúas 'Jimena e Elisa Fernández de la Vega' como primeiro paso no proxecto da Cidade da Saúde
A USC abre as rúas 'Jimena e Elisa Fernández de la Vega' como primeiro paso no proxecto da Cidade da Saúde

O proxecto deste complexo arquitectónico modular ten licitado o concurso de ideas coa intención de abordar a construción de espazos docentes para Farmacia en 2023

A apertura da rúa Elisa e Jimena Fernández de la Vega e a ampliación da Lope Gómez de Marzoa, é a primeira das actuacións coas que a USC bota a andar o proxecto arquitectónico modular de Cidade da Saúde. A posta en marcha das vías que que envolven a parcela edificable e executada no prazo de mes e medio, é tan só un primeiro chanzo para este complexo xa que, tal e como explicou o reitor Antonio López, “temos licitado o concurso de ideas e agardamos poder construír en 2023 os espazos docentes da Facultade de Farmacia”. O reitor explicou que a Cidade da Saúde acollerá tamén a Facultade de Enfermaría, así como outros espazos destinados á administración e á investigación como podería ser o caso do Instituto de Investigación Sanitaria (IDIS) e da Fundación Pública de Medicina Xenómica.

O reitor subliñou que o financiamento deste proxecto “prioritario”, debe ser unha “parte esencial” do Plan de Infraestruturas que as universidades negocian coa Xunta de Galicia, con independencia do Plan de Financiamento do Sistema Universitario Galego. “Para falar de recursos, temos que ter proxecto”, dixo o reitor en referencia ás posibles vías de financiamento da Cidade da Saúde entre as que se poderían atopar fondos europeos. Antonio López estivo acompañado do decano da Facultade de Farmacia, Francisco Otero Espinar, quen manifestou a súa satisfacción ante o avance do proxecto xa que “isto era para nós unha necesidade urxente”.  

O reitor destacou tamén que a elección do nome da rúa Elisa e Jimena Fernández de la Vega conforma ademais “un magnífico recoñecemento a dúas figuras que abriron un novo camiño para as mulleres nos estudos de medicina e na investigación”. O acto congregou a unha ampla representación da comunidade universitaria. Ademais do xerente, Javier Ferreira, e do decano de Farmacia, tamén asistiron á apertura das rúas o resto de decanos e decanas das facultades de Ciencias da Saúde: Julián Álvarez Escudero, de Medicina; Ana Isabel Silveira Rodríguez, de Enfermaría; Mª José Sampedro Vizcaya, de Psicoloxía; e Mª Jesús Giráldez Fernández, de Óptica; a decana da Escola Técnica Superior de Enxeñaría (ETSE), Julia González Álvarez; así como representantes da dirección e coordinación da obra e outros membros da comunidade universitaria.

Cidade da Saúde da USC nace co obxectivo de converter a Galicia nun referente da docencia, da investigación e da colaboración institucional e público-privada no ámbito da saúde. Esta iniciativa concíbese para dispor dun conxunto de dotacións suficientes para dar soporte material á docencia e a investigación de vangarda nesta área de coñecemento. Ademais, procúrase inserir de forma coherente e integrada estas instalacións nun espazo urbano no que xa existen dotacións moi importantes no ámbito sanitario na contorna máis inmediata coa vontade de establecer sinerxías.

Comentarios
Lo más