Boqueixón, Touro e Vedra prestarán servizo de aloxamento e transporte a vítimas de violencia de xénero

Boqueixón, Touro e Vedra prestarán servizo de aloxamento e transporte a vítimas de violencia de xénero
Boqueixón, Touro e Vedra prestarán servizo de aloxamento e transporte a vítimas de violencia de xénero

Os alcaldes dos tres Concellos asinaron esta mañá o convenio de colaboración

Os alcaldes de Boqueixón, Manuel Fernández Munín; Touro, Ignacio Codesido Barreiro; e Vedra, Carlos Martínez Carrillo, asinaron un convenio de colaboración para prestar servizo de aloxamento e transporte a mulleres vítimas de violencia de xénero en situacións excepcionais. Un acto que tivo lugar no salón de plenos de Boqueixón e no que participaron as técnicas de Servizos Sociais de Touro e Vedra, así como a responsable do CIM de Boqueixón.

Manuel Fernández Munín explicou que este convenio é de aplicación no ámbito territorial dos tres concellos e supón “un chanzo esencial na protección e na asistencia integral ás mulleres e menores ao seu coidado da nosa contorna, do rural. Aquelas mulleres que presentando denuncia por infracción penal relativa a violencia de xénero, ante os postos da Garda Civil que abarcan os termos municipais de Boqueixón, Touro e Vedra, terán a súa disposición servizo de transporte e aloxamento gratuíto, cando polo horario de presentación da denuncia ou pola situación de desamparo na que se atopan lles sexa dificultoso acceder de forma inmediata aos recursos que se ofertan desde a Xunta de Galicia, Secretaría Xeral de Igualdade”.

O alcalde boqueixanés fixo fincapé en que “este convenio supón unha mellora moi importante na atención á muller do rural que contribúe a reforzar e a mellorar as actuacións en materia de protección ás vítimas de violencia de xénero. O traballo no ámbito rural en materia de violencia contra á muller é unha tarefa difícil. Caracterízase por ser moi tradicional, onde a violencia de xénero non é doada de percibir e ademais onde a muller sofre falta de independencia económica, de autonomía persoal e precariedade no emprego, sendo estes maioritariamente secundarios e invisibles”.

Asistencia integral

Pola súa banda, Ignacio Codesido indicou que “este convenio de colaboración entre os tres concellos supón un gran paso na asistencia integral ás mulleres vítimas e aos menores ao seu cargo. Conscientes na necesidade de continuar loitando neste ámbito, os tres concellos nos comprometemos a seguir impulsando políticas que garantan os dereitos das mulleres e dos menores co obxectivo de conseguir unha sociedade libre de medo, que é o que corresponde a unha sociedade libre e democrática”.

Neste sentido, o alcalde de Touro lembrou que “a situación de violencia de xénero require dunha resposta coordinada por parte das distintas administracións. Resulta imprescindible sumar esforzos contando coa implicación da sociedade no seu conxunto”

Non aplicación do convenio

Finalmente, o alcalde de Vedra indicou que “o ideal sería que non existise a violencia de xénero pero mentres iso non ocorra temos que poñer todo dende a administración para intentar que estas persoas superen esa situación o mellor posible. Este é un paso máis onde temos que agradecer o traballo de todos os servizos técnicos dos concellos, que fixeron un labor excepcional”.

Así, Carlos Martínez Carrillo apuntou que “este servizo de aloxamento e transporte a mulleres vítimas de violencia de xénero en situacións excepcionais pode non parecer unha gran cousa, pero cando ocorre, nese momento tan urxente, que poidan ver resolta a súa situación o agradecen enormemente estas persoas. E o compromiso é ao 100% dos tres concellos. Un paso mais, seguramente detrás deste compromiso virán outros porque o importante é que ano a ano vaiamos diminuíndo a incidencia da violencia de xénero. Ogallá non teñamos que aplicar este convenio, porque iso significará que non hai violencia, pero se o houbera sería un pasiño máis para facerlle a vida mellor a estas persoas”.

Operatividade

O convenio está pensado atender a aquelas mulleres de Boqueixón, Touro ou Vedra que acudan a un cuartel para presentar unha demanda por violencia de xénero entre as 19:00 e as 9:00 horas. No cuartel disporán dun listado con teléfonos de taxis e aloxamentos no municipio, cuxo nome non se fará público para garantir a confidencialidade. Dese xeito, a vítima evitará ter que pasar esa primeira noite nas dependencias policiais e poderá pasala nun aloxamento digno, almorzar e despois desprazarse ao día seguinte ao Xulgado correspondente, ben de Santiago ben de Arzúa.

De acordo co convenio, todos os gastos serian asumidos polo municipio no que estea empadroada a vítima. De non estar empadroada, tomarase como referencia o lugar onde tivo lugar a agresión ou a residencia do maltratador. O convenio estará vixente dende hoxe e sen ningunha data de finalización.

Comentarios