Os lanzamentos en Galicia descenden un 28 % no terceiro trimestre respecto aos executados antes da pandemia

Os lanzamentos en Galicia descenden un 28 % no terceiro trimestre respecto aos executados antes da pandemia
Os lanzamentos en Galicia descenden un 28 % no terceiro trimestre respecto aos executados antes da pandemia

Os xulgados galegos rexistraron entre xullo e setembro deste ano 22 demandas por ocupación ilegal de vivendas, un 35,3 % menos que en 2019

Os xulgados galegos practicaron no terceiro trimestre do ano 320 lanzamentos, dos que 254, o 79,3 %, foron consecuencia de procedementos derivados da Lei de Arrendamentos Urbanos (LAU), é dicir, por falta de pagamento de alugueiros. Outros 59 corresponderon a execucións hipotecarias e, os sete restantes, derivaron doutras causas. En comparación co mesmo período de 2019, é dicir, antes da crise sanitaria, os lanzamentos executados na comunidade descenderon un 28 %, pois entón realizáronse 445. Se poñemos os datos en relación cos rexistrados en 2020, baixaron un 10 %, ao pasar de 356 a 320.

No conxunto do Estado, os lanzamentos practicados entre xullo e setembro diminuíron un 14,9 % respecto a 2019, segundo despréndese do informe ‘Efectos da crise económica nos órganos xudiciais’, feito público hoxe pola Sección de Estatística do Consello Xeral do Poder Xudicial (CXPX). En Galicia realizáronse durante ese período 11,9 lanzamentos por cada 100.000 habitantes, fronte aos 18,3 de media estatal.

O número de execucións hipotecarias iniciadas na comunidade no terceiro trimestre do ano aumentou un 60,8 % con respecto a 2019. Entre xullo e setembro de 2021 presentáronse 222 procedementos que permiten esixir o pago das débedas garantidas por peza ou hipoteca ao acredor, fronte ás 138 do ano anterior á crise sanitaria. No conxunto do Estado presentáronse 6.504, o que supón un incremento do 87,4 % con respecto a 2019.

Verbais posesorios por ocupación ilegal de vivendas

O estudo tamén reflicte que entre o 1 de xullo e o 30 de setembro deste ano os xulgados galegos ingresaron 22 demandas por ocupación ilegal de vivendas en casos nos que os propietarios son persoas físicas, entidades sen ánimo de lucro ou entidades públicas posuidoras de vivenda social. Por tanto, recibiron un 35,3 % menos que en 2019, cando ingresaron 34, e as mesmos que no mesmo período de 2020, pois tamén se rexistraron 22. No conxunto do Estado, no terceiro trimestre de 2021 ingresáronse 906 demandas deste tipo, un 7,8 % menos que o ano anterior.

Poñendo en relación o número de procedementos ingresados coa poboación, en Galicia rexistráronse 0,8 por cada 100.000 habitantes, o que sitúa á comunidade, xunto con Castela e León -que presenta a mesma taxa-, como a cuarta na que menos verbais posesorios por ocupación ilegal de vivendas se presentaron. Só Asturias (0,7), o País Vasco (0,6), e Navarra (0,2) teñen unha cifra menor.

Concursos e despedimentos

O informe presentado hoxe tamén inclúe datos dos concursos presentados nos xulgados do mercantil, que practicamente se manteñen con respecto ao terceiro trimestre de 2020. O ano pasado rexistráronse 78; e, este, 70, os mesmos que en 2019. Con respecto aos concursos das persoas naturais non empresarias, que desde a modificación da Lei Orgánica do Poder Xudicial que entrou en vigor o 1 de outubro de 2015 corresponden aos xulgados de primeira instancia e instrución, presentáronse en Galicia de xullo a setembro 84 casos, practicamente os mesmos que no mesmo período do ano pasado, cando se rexistraron 82, e un 68 % máis que no terceiro trimestre de 2019, período no que se presentaron 50.


En canto aos expedientes do artigo 64 da Lei Concursal, relativos á modificación substancial das condicións de traballo de carácter colectivo (ERE’s), na comunidade galega contabilizáronse no terceiro trimestre do ano 11, un 83,3 % máis que en 2020, cando se rexistraron seis, e un 22,2 % máis que en 2019, cando se contabilizaron nove.

Nos xulgados do social, segundo o informe da Sección de Estatística do Consello Xeral do Poder Xudicial, interpuxéronse 1.199 demandas por despedimento, o que supón un descenso interanual do 29,7 por cento, pois o ano pasado rexistráronse 1.706; e, en 2019, contabilizáronse 1.448, un
17 % máis.

O estudo, ademais, reflicte un incremento dos procedementos monitorios presentados no terceiro trimestre do ano nos xulgados de primeira instancia e de primeira instancia e instrución. En Galicia interpuxéronse 8.629, fronte aos 8.920 do ano pasado, o que supón un descenso interanual do 3,3 %. En 2019 rexistráronse 7.596, un 13,6 % menos. O procedemento monitorio serve para reclamar débedas monetarias líquidas, determinadas, vencidas e esixibles, e inclúen as cantidades debidas en concepto de gastos comúns de comunidades de propietarios de inmobles urbanos.

Cláusulas chan

No terceiro trimestre de 2021 os xulgados especializados ingresaron 1.118 accións individuais sobre condicións xerais incluídas en contratos de financiamento con garantías reais inmobiliarias cuxo prestatario sexa unha persoa física, resolveron 1.210 asuntos desta natureza -un 20,6 % máis que en 2020- e ditaron 1.160 sentenzas, das cales o 97,8 % foron acolledoras.

Comentarios