O TSXG autoriza que o certificado COVID-19 para acceder a locais de lecer nocturno só se poida validar co sistema QR operado pola Xunta

O TSXG autoriza que o certificado COVID-19 para acceder a locais de lecer nocturno só se poida validar co sistema QR operado pola Xunta
O TSXG autoriza que o certificado COVID-19 para acceder a locais de lecer nocturno só se poida validar co sistema QR operado pola Xunta

O Superior tamén permite prorrogar, ata o 18 de decembro, a esixencia de mostrar o pasaporte COVID-19 aos acompañantes e visitas de ingresados nos hospitais


  • O Tribunal Superior de Xustiza de Galicia (TSXG) autoriza que o certificado COVID-19 para acceder aos locais de lecer nocturno da comunidade, tanto en formato papel como dixital, só se poida validar coa lectura do código QR mediante a aplicación Passcovid de Galicia, creada pola Consellería de Sanidade. Os xuíces, ademais, permiten á Xunta prorrogar, ata o 18 de decembro, a medida que esixe presentar o certificado COVID-19 de vacinación, recuperación ou proba diagnóstica negativa para acceder aos establecementos de lecer nocturno.

    A sección terceira da Sala do Contencioso-administrativo considera positivo que se estableza un sistema único de verificación. “Esta condición introduce seguridade xurídica e certeza nas persoas encargadas de facer a comprobación e, ao mesmo tempo, disipa na persoa que exhibe o documento calquera suspicacia sobre a almacenaxe dos seus datos”, subliña.

    Por outra banda, os xuíces basean a súa autorización á prórroga da esixencia de exhibir o certificado COVID-19 nos locais de lecer nocturno en “unha tendencia epidemiolóxica de aumento de incidencia en todos os concellos de Galicia”, polo que entenden que a aplicación da medida resulta “xustificada e proporcionada”.

    A Sala tamén considera a medida idónea, é dicir, eficaz para impedir a transmisión do virus, pois, segundo numerosos estudos científicos, “a contorna de lecer en lugar pechado e o perfil de xente que acode a el, de menor idade, son factores de alta transmisión”. Ademais, lembra que “a ciencia mostrou a eficacia da vacina fronte ao risco de contaxio”. Por outra banda, estima que a medida é necesaria porque “consegue manter o risco de contaxio contido, a pesar do seu carácter crecente”, e permite aos establecementos exercer a súa actividade.

    No auto tamén subliña que a obrigatoriedade de presentar o pasaporte COVID-19 “combínase con outras medidas das que dispón o suxeito que, polas razóns que sexa, non estea vacinado, para acceder a estes locais”, tales como presentar un certificado negativo de padecer a enfermidade ou de pasala en determinadas circunstancias temporais.

    O TSXG lembra que a sentenza do Tribunal Supremo do pasado 14 de setembro declarou que, aínda que este tipo de medidas poden supoñer “a limitación tenue dos dereitos fundamentais á intimidade e á igualdade”, están xustificadas e son proporcionadas “pola concorrencia coa necesidade dunha forte salvagarda dos dereitos á vida, á integridade física e á propia saúde”.

    Ademais, fai referencia á recente sentenza do Tribunal Supremo, do pasado 1 de decembro, na que anula unha resolución do Tribunal Superior de Xustiza do País Vasco denegatoria destas mesmas medidas de control de acceso a establecementos de lecer nocturno. Na súa decisión, o alto tribunal descarta que supoñan unha desproporcionada limitación doutros dereitos fundamentais, pois lembra que “nin o dereito de reunión supón a facultade de exercelo en calquera lugar e circunstancia nin, desde logo, é obstáculo a que se pida este documento para acceder aos locais nas condicións de pandemia existentes”. O Supremo engade que “outro tanto se pode dicir das liberdades de circulación e das de expresión artística: nin o seu exercicio esixe o acceso incondicionado a establecementos de lecer e restauración nin requirir o certificado supón unha inxerencia neles que entrañe unha limitación inasumible”.

    O TSXG tamén autorizou hoxe prorrogar, ata o 18 de decembro, a obriga de exhibir o pasaporte COVID-19 para o acceso aos hospitais públicos e privados da comunidade das visitas e acompañantes, maiores de 12 anos, dos pacientes ingresados.
Comentarios
Lo más