Lousame homenaxea a preto dun cento de voluntarios/as

Lousame homenaxea a preto dun cento de voluntarios/as
Lousame homenaxea a preto dun cento de voluntarios/as

A alcaldesa entregou os certificados aos participantes nos programas de Voluntariado Xuvenil e Sénior de 2021

O auditorio da Casa da Cultura de Lousame acolleu esta fin de semana unha homenaxe do Concello de Lousame ao seus voluntarios e voluntarias, coincidindo coa conmemoración do Día Internacional do Voluntariado. Un acto presidido pola alcaldesa Teresa Villaverde e no que tomaron parte case un cento de voluntarios e voluntarias do municipio.

Durante o acto, presentado e amenizado polo bo humor e a maxia de Cayetano Lledó, proxectáronse varios vídeos sobre a actividade que desenvolven os voluntarios e voluntarias lousamiás. Así mesmo, procedeuse á entrega dos certificados de voluntariado dos programas  Xuventude Activa Lousame e Voluntariado Sénior Lousame.

A maiores, o Concello de Lousame entregou a cada voluntario/a unha cazadora en cor azul, cor que se identifica co voluntariado, e amarelo. No logotipo que aparece no peito figura unha man, como símbolo de axuda, rodeada de sete pétalos que representan unha flor e que lembran as sete parroquias de Lousame.

Gran familia

Teresa Villaverde agradeceu o traballo das persoas voluntarias por facer un mundo mellor: “temos un grupo de persoas marabillosas, de todas as idades, que sacrifican parte do seu tempo particular, coa familia, cos amigos... por estar quitando un sorriso, estar tendendo unha man, por estar dando o seu corazón. Non hai nada máis grande co corazón dun voluntario”. Por iso, a alcaldesa pediulle á veciñanza “que estean orgullosos destas persoas e aumenten este pelotón cada un no que poda. Tendamos a man a esta gran familia que sempre está aí e faremos o posible por aumentala”.

Pola súa banda, a concelleira de Igualdade e Xuventude, Silvia Agrafojo, asegurou que as persoas voluntarias son “unha peza clave e fundamental para o Concello. Non sería posible facer tantas actividades culturais, deportivas e sociais nun concello tan extenso e que é exemplar, grazas a vós. Concellos máis grandes non teñen a sorte de contar cun equipo coma o noso. Estamos moi agradecidos e moi orgullosos”. Segundo a concelleira, “ser voluntario non é unha cuestión de idade ou de sexo. É unha cuestión de actitude. Unha actitude moi galega e moi da xente de Lousame da que nos debemos sentir tremendamente orgullosos”.

Protección Civil

Mención especial tivo o colectivo de Protección Civil, pois “fan un traballo voluntario que merece un agradecemento neste día. Neste ano de pandemia pola Covid, mentres estabamos na casa, eles estiveron traballando apoiando á xente maior, acompañándoos aos centros de saúde, achegándolles cousas... É digno de agradecer o seu labor”, apuntou Ramón Martínez, concelleiro de Protección Civil.

Finalmente, Xosé Manuel Outeiral, técnico de Voluntariado, lembrou que todo isto comezou no 1998, a través dun convenio entre o Concello de Lousame e a Fundación Paideia. “Dende o principio houbo unha gran resposta da xente, que comezou a participar. Ao cabo do ano facemos moitas actividades sociais, culturais e deportivas. É orgullo ver que estades aí, pero máis aínda nunha situación de pandemia na que destes un paso adiante e, ademais de colaborar, aumentáchedes o voso labor a favor da comunidade e a favor das actividades”. Outeiral rematou lembrando que “Lousame é un concello solidario. Somos o único concello do Barbanza que leva conxuntamente programas de voluntariado xuvenil, sénior e europeo á vez. E iso é grazas a vós”.

Comentarios