Rois aproba o plan de loita contra incendios forestais

Rois aproba o plan de loita contra incendios forestais
Rois aproba o plan de loita contra incendios forestais


Os socialistas votaron en contra e o BNG abstívose



A Corporación de Rois celebrou   a primeira sesión ordinaria do ano, na que se aprobou o Plan municipal de prevención e defensa contra os incendios forestais do Concello de Rois cos votos a favor do equipo de goberno do Partido Popular (7 votos), en contra do PSdeG (3) e a abstención do BNG (1).

O alcalde considera que é un bo plan, elaborado pola empresa pública autonómica Seaga (Servicios Agrarios Galegos SA), que lle permite ao concello ter un marco de actuación contra os incendios forestais. Dende o BNG, Begoña Ares considera que o plan “limítase a recoller” o que marca a lei sen incluír ningunha medida específica para Rois e considera que o Concello é o responsable de velar que se cumpran a limpeza das franxas. A este punto o alcalde replicoulle que Rois non ten policía local, polo que a maioría dos expedientes inícianse cando a veciñanza informa de que non se está cumprindo coa normativa.

Dende o grupo socialista votaron en contra ao considerar que o documento presentado non se corresponde cun plan de loita contra incendios senón de xestión de biomasa.

No apartado de mocións, as dúas presentadas polo PSdeG foron apoiadas polos grupos da oposición (4 votos) e rexeitadas cos votos en contra do equipo de goberno popular (7). Na primeira, os socialistas querían instar á Xunta a desenvolver o novo modelo de desenvolvemento enerxético eólico máis eficiente para Galicia, replicándolle o alcalde que o modelo actual xa protexe un alto porcentaxe do solo, fomenta a repotenciación e amplía a distancia as casas en función da altura dos aeroxeneradores.

Na outra moción, Manuel Regueira solicitaba que o Concello analice a posibilidade de pedir axudas do programa DUS 5000 para proxectos singulares de enerxías limpas en pequenos municipios, para fomentar a colocación de lámpadas led no alumeado público. O alcalde rexeito esta iniciativa argumentando que xa na Xunta de Goberno Local do pasado 29 de novembro se aprobara unha memoria técnica para solicitar axudas deste plan para a colocación de alumeado público con tecnoloxía led.

Comentarios
Lo más