O Milladoiro terá unha ruta accesible para cruzar a pé o centro da vila, con cambios no espazo peonil e viario

O Milladoiro terá unha ruta accesible para cruzar a pé o centro da vila, con cambios no espazo peonil e viario
O Milladoiro terá unha ruta accesible para cruzar a pé o centro da vila, con cambios no espazo peonil e viario

A Xunta de Goberno Local aprobou en novembro o expediente de licitación para o proxecto de mellora da accesibilidade na conexión entre a rúa do Rego e a travesía do Porto, no Milladoiro, dentro do plan POS 2021 da Deputación da Coruña. O conxunto de obras, cun orzamento de 107.827 euros, realizarase sobre vaos e ramplas, pasos de peóns, beirarrúas, reixas de árbores, sinais de tráfico, sumidoiros e pavimentos. As reformas comezarán ao leste da avenida Rosalía de Castro, que atravesarán ata chegar á altura da Casa da Cultura, habilitando unha ruta accesible para poder atravesar a pé o centro da vila.


As rúas do núcleo de maior poboación de Ames continúan mellorando de cara a unha maior accesibilidade, co obxectivo de que o espazo público poida ser ocupado e utilizado por todas as persoas, independentemente da súa condición e do seu nivel de mobilidade. A Xunta de Goberno Local do pasado xoves 18 de novembro aprobou o expediente de licitación deste proxecto, que forma parte do programa da Deputación da Coruña POS 2021, e que conta cun orzamento base de licitación de 107.827,83 euros.

As obras contribuirán a un tránsito fluído e accesible polo centro do Milladoiro, xa que afectan a boa parte do casco urbano e conectan ambos lados da vía principal, a avenida Rosalía de Castro. O proxecto comezará na rúa do Rego, á altura da rúa Panasqueira, e seguirá pola rúa Figueiras e os seus espazos interiores. As reformas continuarán pola rúa Costa Grande e chegarán á avenida Rosalía de Castro, dende onde cruzarán en dirección oeste, realizando melloras nas rúas Agro do Medio, Agro da Madalena e as súas vías interiores. O percorrido de melloras seguirá pola rúa dos Cereixos ata rematar na travesía do Porto, á chegada ao centro sociocultural desta localidade.

As múltiples actuacións nestas rúas realizaranse sobre diferentes partes do mobiliario urbano, así como nas vías para vehículos e peóns. En primeiro lugar, adaptaranse e reconstruiranse os vaos e ramplas existentes que non cumpran coas normativas de accesibilidade, eliminaranse os mal definidos e colocaranse outros en novos puntos. Cos cambios nas ramplas modificaranse tamén os pasos de peóns, con novos pintados e ubicacións.

Haberá tamén modificacións nas beirarrúas, que nalgúns puntos precisarán dunha anchura máis ampla para seren accesibles e acoller as novas ramplas para peóns. As zonas con pavimento fracturado ou con desniveis serán reformadas. Asemade, mudarán varias reixas de árbores que están fóra da normativa, cambiando de lugar e replantando parte do arborado. Ademais, haberá novas papeleiras en certos puntos do percorrido.

Parte do mobiliario urbano e viario tamén experimentará cambios. Evitarase que as sinais de tráfico ou de información ocupen o espazo das ramplas e vaos, e colocaranse novas indicacións de proximidade de pasos de peóns. Por último, instalaranse novos sumidoiros e reixas de recollida de pluviais, e desprazaranse outros que dificulten o paso por cruces peonís.

Melloras en accesibilidade nos últimos anos

Nos últimos anos fíxose un forte investimento para a mellora da accesibilidade que supera o millón de euros con actuacións no Milladoiro, Bertamiráns e na área fluvial de Tapia. Neste senso, no Milladoiro realizáronse obras de mellora de vaos na avenida Rosalía de Castro e nos seus cruces coas rúas da Moa e Cruxa, executadas ao longo de 2020 e rematadas no mes de novembro dese mesmo ano. As obras, enmarcadas dentro da EDUSI Impulsa Ames, contaron cun orzamento de 10.807,45 euros.

Ademais, no Milladoiro construíuse o parque infantil adaptado da Travesía do Porto e realizáronse melloras da accesibilidade coa reformas nas Oficinas de Servizos Sociais e Atención Veciñal do Milladoiro e no seu entorno exterior, da biblioteca municipal, da piscina ou do pavillón. Tamén se mellorou a accesibilidade na rúa Agro do Medio e na Travesía do Porto, e fixéronse intervencións en varios pasos de peóns e aparcamentos adaptados.

Pola súa parte, en Bertamiráns houbo cambios neste senso na Casa do Concello e no seu entorno, no complexo do Pazo da Peregrina, nos vestiarios da piscina municipal descuberta, na praza da Maía e na rúa Alcalde Lorenzo. Tamén en Bertamiráns, dentro da EDUSI Impulsa Ames, se realizaron obras en varias rúas desta localidade para a eliminación de barreiras e mellora da accesibilidade por un importe de 69.820 euros. Ademais, fóra das dúas vilas principais, executáronse melloras nas instalacións da praia fluvial de Tapia.

O alcalde e concelleiro de Obras e Servizos Básicos, Blas García, destaca que “o goberno municipal continúa apostando polo investimento en mellora da accesibilidade, logo da planificación iniciada no mandato anterior coa que se realizaron varias obras. Agora pretendese crear unha ruta accesible dende a rúa do Rego ata a travesía do Porto, para que todas as persoas poidan utilizar o espazo público, con independencia da súa condición e o seu nivel de mobilidade”.

Comentarios
Lo más