O Concello destinará 75.000 euros a uns 3.000 bonos de compra no barrio de San Pedro

O Concello destinará 75.000 euros a uns 3.000 bonos de compra no barrio de San Pedro
O Concello destinará 75.000 euros a uns 3.000 bonos de compra no barrio de San Pedro

A Xunta de Goberno Local, reunida en sesión extraordinaria, aprobou o expediente de crédito por importe de 75.000 euros para pór en marcha un programa de bonos de consumo no comercio e hostalería do barrio de San Pedro-Concheiros, financiado con baixas por anulación.

O alcalde de Santiago, Xosé Sánchez Bugallo, explicou en rolda de prensa que "estes 75.000 euros permitirían facilitar compras por valor de 187.500 euros. O concello subvencionaría o 40% desas compras e daría, aproximadamente, entre 2.500 e 3.000 bonos de compra". As rúas nas que se aplicarían, así como outros detalles, están pendentes de consensuar coa asociación de comerciantes da zona.


O rexedor indicou que "o noso criterio é manter o funcionamento dos Bonos Corazón Compostela, sobre todo ao final, porque funcionou moi ben", con tres tipos de bonos, de 30, 50 e 75 euros.

Este expediente de crédito de 75.000 euros deberá aprobarse agora en pleno, previsiblemente, segundo sinalou Sánchez Bugallo, a semana que vén. Antes deben pasar pola Comisión de Facenda, prevista, en principio, para o 18 de xaneiro.

En canto ao borrador do proxecto de orzamentos, o rexedor explicou que continúa a súa tramitación. Están aprobados os presupostos do Auditorio de Galicia, de Mercagalicia, de UNINOVA e de Incolsa. Está previsto que este venres se dea luz verde aos de TUSSA. A continuación, sinalou o alcalde, "haberá que convocar a Comisión de Facenda", e confía en que "a final de mes se poida convocar o pleno da corporación" no que está previsto aprobar os orzamentos. 
Comentarios
Lo más