A Banda Municipal de Música ofrecerá catorce concertos dentro do segundo ciclo de "Camiños Sonoros"

A Banda Municipal de Música ofrecerá catorce concertos dentro do segundo ciclo de "Camiños Sonoros"
A Banda Municipal de Música ofrecerá catorce concertos dentro do segundo ciclo de "Camiños Sonoros"

"Rutas e Sinfonías" é o título que agrupa os catorce concertos que dará a Banda Municipal de Música nos vindeiros cinco meses. O programa, que foi presentado esta mañá pola concelleira de Acción Cultural, Mercedes Rosón, e o director da formación, David Fiuza, conta cun oferta ecléctica que combina diferentes estilos e orixes para poder adaptarse a todos os gustos.

Na rolda de presentación, a concelleira quixo agredecer o labor da Banda ao lograr "que a cultura musical centenaria siga sendo accesible para todos os veciños e veciñas; e siga estando presente, un ano máis, nas rúas de Compostela". Ademais destacou como a oferta, que "combina repertorios ambiciosos con música tradicional", permite que "cada vez se incorpore xente máis nova" a estes espectáculos, o que posibilita "pensar en clave de futuro na continuidade deste tipo de programación".


David Fiuza explicou que esta nova programación representa unha "peregrinación a través dun mundo sonoro" cunha oferta moi "ecléctica pero que ten en conta todos os gustos". En concreto, haberá un conxunto de concertos adicados e inspirados polas diferentes rutas do Camiño, a serie de "Batuta en ruta", que contará coa participación dos prestixiosos directores Marcel van Bree, Isabel Mª Rubio Molina e Juanjo Ocón, e o ciclo de sinfonías no Auditorio de Galicia, que engloba música de varias culturas. Fiuza tamén resaltou a colaboración coa Banda do CMUS e os Amigos da Ópera de Santiago, así como a presenza de solistas da casa como Nicolás Otero Conde e Diego García Morales.

Concertos

O programa arrancou o pasado día 6 de xaneiro co concerto extraordinario do día de Reis e continuará con "O camiño primitivo", o próximo 16 de xaneiro e "Batuta en ruta I: tradición e renovación", o 30 de xaneiro, ambos no Teatro Principal. Todos os concertos, como xa vén sendo habitual, celébranse sempre en domingo e á mesma hora, ás 12:00 h.

O Auditorio de Galicia toma o relevo o domingo 6 de febreiro co concerto "Sinfonía de culturas" que contará coa participación do clarinete solista Nicolás Otero Conde. No mes de febreiro, o Teatro Principal acollerá dous espectáculos: "O camiño do Norte", o día 13, e "Batuta en ruta II: masquerade", o día 27, coa presenza do saxo alto solista Diego García Morales.

Para o mes de marzo, terán lugar tres concertos: o do día 6 de marzo no Auditorio de Galicia co título de "Sinfonía de sentimentos" que contará coa participación da Banda do CMUS de Santiago de Compostela; e outros dous no Teatro Principal, "O camiño de inverno" e "Batuta en ruta III: música e arte", o 13 e 27 de marzo respectivamente.

O mes de abril arrancará con "Sinfonía con-fusión", o domingo 3 no Auditorio de Galicia. Saíndose da horario habitual, o sábado 9 de abril ás 20:00 h, a Banda e o orfeón "Terra A Nosa" compartirán escenario na Igrexa de Bonaval ofrecendo pezas conxuntas e por separado. Tamén en colaboración cos Amigos da Ópera de Santiago de Compostela, terá lugar o espectáculo "O camiño da lírica" o 24 de abril no Teatro Principal.

Como peche ao segundo ciclo "Rutas e sinfonías", o programa ofrecerá en maio dous novos concertos, "Sinfonía de homenaxe", o 8 de maio no Auditorio de Galicia, e "O camiño portugués", o 15 de maio.

Entradas

A entrada é de balde e obrigatoria para o acceso por mor do control dos aforos. Os billetes poden adquirirse, de xeito gratuito, na web compostelacultura.gal

; na zona C (de martes a sábado); ou no despacho de billetes do Teatro Principal o día do espectáculo desde unha hora antes de comezo do mesmo. 

Comentarios