Padrón presenta o xoves no Auditorio o libro 'Padrón Xacobeo 21-22'

Padrón presenta o xoves no Auditorio o libro 'Padrón Xacobeo 21-22'
Padrón presenta o xoves no Auditorio o libro 'Padrón Xacobeo 21-22'


Textos e fotografías da veciñanza resaltan en 31 artigos os fortes vínculos da localidade co nacemento do fenómeno xacobeo 



O Auditorio municipal de Padrón acollerá na tarde do vindeiro xoves, 13 de xaneiro, a presentación do libro Padrón Xacobeo 21-22, editado pola Concellaría de Turismo e no que se recompilan 31 artigos que reflicten a íntima ligazón da vila padronesa co nacemento da lenda xacobea. Textos e fotografías foron aportadas pola veciñanza e recollen tanto aspectos do patrimonio histórico e arquitectónico como naturais e da tradición oral.

O libro Padrón Xacobeo 21-22responde, neste atípico Ano Santo, ao desexo do Concello padronés de divulgar a conexión da vila do Sar co fenómeno xacobeo. A fin última é a promoción do Camiño portugués ao seu paso por Padrón e sobre todo a popularización da Pedronía, ou a continuación da peregrinaxe ata Padrón, de xeito que todos os romeiros coñezan tamén o punto no que o corpo de Santiago o Maior desembarcou en Galicia procedente de Palestina.

O alcalde de Padrón, Antonio Fernández, estará acompañado na presentación do libro por Nava Castro, directora da Axencia Turismo de Galicia, e Xesús Palmou, presidente da Academia Xacobea. Ámbolos foron distinguidos polo Concello padronés como Peregrinos de Honra en recoñecemento ao seu importante labor na divulgación do Camiño de Santiago en xeral e da Pedronía en particular.

Tamén participará na presentación, que comezará ás sete da tarde, o actor Suso Martínez, que o pasado verán representou os papeis de bispo Sisnando e de Atanasio, discípulo do Apóstolo, para darlle a coñecer aos visitantes a tradición xacobea vencellada a Padrón en rutas guiadas teatralizadas.

Por limitacións de aforo, para asistir ao acto é necesaria inscrición previa a través do correo electrónico turismo@padron.gal ou do número de teléfono 646 593 319. Todas as persoas asistentes recibirán un exemplar do libro.   

Comentarios
Lo más