A metade do persoal fixo de ORL do CHUS secunda a primeira xornada de folga indefinida

A metade do persoal fixo de ORL do CHUS secunda a primeira xornada de folga indefinida
A metade do persoal fixo de ORL do CHUS secunda a primeira xornada de folga indefinida

O conflito no servizo chegará ao Parlamento de Galicia da man dos dous grupos da oposición

 A metade do persoal fixo do servizo de otorrinolaringoloxía (ORL) do Complexo Hospitalario Universitario de Santiago de Compostela (CHUS) está a secundar este martes a primeira xornada de folga indefinida convocada pola Federación de Sanidade de CCOO. O paro obrigou hoxe a suspender 64 consultas e a cancelar tres quirófanos.

CCOO esíxelle á xerenta da Área Sanitaria Santiago-Barbanza o cesamento do xefe de servizo, responsable do conflito laboral que motivou varias xornadas de folga en decembro e agora este paro indefinido. O sindicato lamenta que Eloína Núñez non asuma as súas competencias e que deixe a posible solucións en mans da Inspección.

Segundo CCOO, o xefe de ORL leva anos tratando o persoal facultativo con menosprezos e faltas de respecto, ademais de exercer de maneira autoritaria a súa responsabilidade. A isto súmase unha mala organización do servizo que acaban padecendo tanto traballadoras e traballadores como doentes, sinala o sindicato.

A «insostible» situación obrigou a CCOO a convocar varias xornadas de folga o pasado mes de decembro e agora un paro indefinido.

O conflito chega ao Parlamento

Cadrando co comezo da folga indefinida, este longo conflito laboral entra agora no Parlamento da man dos dous grupos da oposición. O PSdeG-PSOE realizará tres preguntas para a súa responsa por escrito, mentres que o BNG formulará dúas cuestións no pleno da Cámara autonómica.

Asemade, ambos os dous grupos pedirán o informe da Comisión de Mediación e Análise que a Xerencia da Área Sanitaria elevou á Inspección «e do que non teñen coñecemento os afectados», apunta CCOO.

Comentarios
Lo más