CA e BNG piden "transparencia" na información sobre as obras de Concheiros

CA e BNG piden "transparencia" na información sobre as obras de Concheiros
CA e BNG piden "transparencia" na información sobre as obras de Concheiros


Marta Lois reclama explicacións despois de que o concelleiro de Obras anunciara que xa está en marcha un expediente á empresa que o alcalde descoñecía onte mesmo

Compostela Aberta reclamoulle  ao Goberno local “que clarifique dunha vez que está a pasar coas obras de Concheiros, porque as versións contraditorias que seguen achegando o alcalde e os seus concelleiros non fan máis que incrementar a preocupación da veciñanza polo desenvolvemento dos traballos”. A portavoz municipal de CA, Marta Lois, referiuse así ao anuncio que hoxe facía o concelleiro de Obras, Javier Fernández, sobre a abertura dun expediente á empresa encargada da reurbanización, “só horas despois de que o alcalde puxera en dúbida a conveniencia de iniciar ese trámite por se puidera supoñer un maior atraso nas obras”.

A concelleira de Compostela Aberta lamentou que “unha vez máis queda claro que o Goberno actúa sen a máis mínima transparencia e sen coordinación interna no que tén que ver coas obras de Concheiros”. Só así se explica, incidiu Lois, que o concelleiro de Obras “asegure hoxe que o Concello lle abriu un expediente á empresa o pasado 20 de decembro, cando nos últimos días o alcalde foi preguntado en reiteradas ocasións por esa posibilidade e en ningún momento deu conta do inicio dese trámite”. Onte mesmo, en declaracións a unha emisora de radio, Bugallo afirmou que ese expediente sancionador á empresa sería aberto no caso de que as obras non rematen no último prazo establecido, o 22 de xaneiro, e apuntaba o seu temor de que expedientar á empresa puidera supoñer paralizar os traballos durante un período de seis meses.

Desinformación continua nas obras de Concheiros

Marta Lois incidiu en que “a desinformación é a tónica dominante nas obras de Concheiros”. O acontecido hoxe con respecto ao expediente sancionador á empresa “súmase a outros episodios lamentables, como o vivido en novembro, cando Bugallo afirmaba nos medios de comunicación que as obras rematarían antes de finalizar 2021, sabendo que xa a Xunta de Goberno acordar ampliar ese prazo ata o 22 de xaneiro”. Para a portavoz de Compostela Aberta “é evidente que, no que relativo a estas obras, a palabra do Goberno, e máis en concreto do alcalde e do concelleiro de Obras, non tén xa ningún valor”.

A portavoz do grupo municipal do BNG, Goretti Sanmartín, denuncia  “a ambigüidade e hipocrisía” do Goberno local coa demora das obras dos Concheiros que están a provocar perdas económicas á veciñanza e aos locais deste barrio, “que están cansos das mentiras do PSOE sobre os prazos, as faltas de transparencia e de rigor na súa xestión para encubrir as miserias dun proxecto mal feito”.

“Non é verdade que haxa un inicio do expediente administrativo, pois non foi a Xunta de Goberno, pese a que xa saben que van incumprir de novo os prazos”, explicou Goretti Sanmartín. Así, reclamou maior celeridade para a conclusión das obras dos Concheiros, logo de que o concelleiro Javier Fernández recoñecese hoxe en comparecencia pública que se van prolongar máis alá do 22 de xaneiro.

Para o BNG, a improvisación e a falta de planificación son causantes das constantes prórrogas desta actuación. De feito, o alcalde autorizou en Xunta de Goberno unha ampliación do prazo de entrega do proxecto até o 23 de decembro, aínda que a propia empresa estimou que precisaba até o 22 de xaneiro, polo que daquela non desbotaron medidas sancionadoras. “E todo o mundo a agardar ao 22 de xaneiro cando a prórroga rematou o 23 de decembro”, engadiu.

“Reprobamos que o concelleiro de Obras, Javier Fernández, actúe como representante da empresa cando o seu papel debera ser esixir que se poñan todos os recursos posíbeis para concluír esta intervención canto antes”, advertiu Goretti Sanmartín.

“A paciencia da veciñanza e dos estabelecementos comerciais e hostaleiros deste barrio está esgotada pola falta de transparencia e as constantes xustificacións por parte do equipo de Goberno do PSOE do mal facer da empresa que está a realizar estas obras”, engadiu.

Ademais, o BNG reclamará responsabilidades polas obras do Hórreo, que tiñan que estar rematadas a 31 de decembro, e continúan paralizadas sen xustificación por non realizar os esforzos suficientes por parte do Goberno local e incumprir a súa palabra.

Comentarios
Lo más