A 10K de Padrón celebrarase o sábado 5 de febreiro con límite de participantes

A 10K de Padrón celebrarase o sábado 5 de febreiro con límite de participantes
A 10K de Padrón celebrarase o sábado 5 de febreiro con límite de participantes



As inscricións realizaranse na web de Emesports e pecharanse o 2 de febreiro




A 10K de Padrón, organizada polo Concello padronés en colaboración coa Federación Galega de Atletismo, chegará o sábado 5 de febreiro a súa décimo novena edición con máis dunha ducia de categorías e prazas limitadas na proba absoluta por causa da pandemia. Así, a competición, que terá carácter oficial nas carreiras en ruta de 5 e 10 quilómetros, contará este ano con só 300 participantes. As inscricións realizaranse na web de Emesports e pecharanse o 2 de febreiro. O punto de saída e meta estará situado no Campo do Souto.

A primeira gran proba deportiva do ano en Padrón conta coa homologación da Real Federación Española de Atletismo e as marcas pasarán ao ranking oficial de 5K e 10K. Na carreira en ruta de 5 quilómetros participarán atletas sub 18, mentres os 10 quilómetros quedan reservados ás categorías sub 20, sub 23, sénior e máster. Mulleres e homes tomarán a saída ás 17.30 horas.

Pero a 10K de Padrón, na que poden participar atletas con licenza federativa ou sen ela, dará comezo ás catro da tarde cos pitufos (nados/as en 2018 e posteriores), que terán que cubrir unha distancia de só 100 metros. Os prebenxamíns (nados/as en 2015, 2016 e 2017) correrán 400 metros e sairán dez minutos máis tarde, ás 16.10 horas. Estas dúas categorías non serán competitivas e non terán clasificacións.

As seguintes categorías en tomar a saída serán a sub 10, que o fará ás 16.20 horas para correr 400 metros; a sub 12, que comezará ás 16.30 horas e correrá un quilómetro; e a sub 14 e a sub 16, que arrancarán ás 16.45 horas e farán un percorrido aproximado de 3,3 quilómetros.

As inscricións están abertas xa para todas as categorías na páxina web de Emesports. É gratuíta para os escolares, mentres que as persoas adultas (de sub 18 a máster) haberán de pagar 7 euros. O control da carreira estará a cargo do Comité de Xuíces da Federación Galega de Atletismo e repartiranse agasallos entre os participantes, así como medallas e trofeos para os mellores clasificados en cada categoría. As gañadoras e gañadores da proba absoluta recibirán ademais premios en metálico (200, 150, 75 e 50 euros para os e as catro primeiras atletas, respectivamente).

Regulamento íntegro da proba neste enlace (preme aquí).


Comentarios
Lo más